//Breve apuntamento sobre o teatro documento
Actor e técnico

Breve apuntamento sobre o teatro documento

O escenario documental é onde acontece a produción de memoria social

“Os feitos máis improbábeis que aquí se expoñen ocorreron en realidade… Os diálogos máis inverosímiles,… foron mantidos literalmente; as ficcións máis rechamantes son citas”

Os últimos días da humanidade, Karl Kraus

O documento é o fundamento sobre o que se sostén toda obra documental. A diferencia do drama histórico, a obra de teatro documental é un texto artellado sobre distintos soportes extraídos da realidade. Tanto é así que o escenario do teatro documento xa non presenta unha realidade simulada ou verosímil, unha ficción, senón un fragmento da realidade existente.

O documento é un construto social. Os individuos cobran significado no drama en tanto que son compoñentes dunha entidade maior. O escenario documental é onde acontece a produción de memoria social.

As orixes do teatro documento

Considérase a Georg Büchner (1813-1837) o primeiro dramaturgo documental. Na súa obra ‘A morte de Danton’ (1834) incorpora o documento á acción dramática, utilizando citas literais dos discursos, escritos e diálogos mantidos na Asamblea Nacional Francesa. Ademais, Büchner utiliza o suceso histórico francés como modelo para falar do acontecer social e político do seu propio país.

Karl Kraus e outros moitos autores valeranse posteriormente de distintos documentos, para mostrar a realidade decadente do seu tempo. Os autores documentais utilizan o documento como elemento predominante do drama para mostrar os feitos, mais sobre todo os seus antecedentes, motores e circunstancias. Unha obra documental debe mostrar as causas. Ten que informar, mais sobre todo criticar o encubrimento e o falseamento da realidade.

O teatro documento contemporáneo, como medio de información e denuncia, segue o modelo do teatro de axitación dos anos 1920 e vencéllase ao concepto de Teatro Político, desenvolvido daquela por Erwin Piscator a partir da asunción expresionista do home como ser social.

Erwin Piscator

No ronsel de Piscator e Brecht, xa nos anos 1960, Peter Weiss integrará de forma textual ao seu traballo as testemuñas do xuízo aos responsábeis do campo de concentración de Auschwitz, creando algunhas das máis representativas pezas do teatro documental.

Do teatro verbatim

O teatro ‘verbatim’ é unha forma de teatro documental que reproduce sen alteracións o rexistro exacto das testemuñas dos acontecementos. A súa orixe pode remontarse ao teatro de testemuña dos anos 1930, cando o programa federal norteamericano Living Newspaper Project promovía a creación de espectáculos a partir da lectura dos xornais. A isto engadirase a influencia de Brecht, Augusto Boal ou Joan Littlewood, representante do chamado “social documentary theatre”. Mais o teatro verbatim terá o seu impulso definitivo nos anos 1970, trala popularización do uso do magnetófono. Desde os anos 1990, o teatro verbatim rexurdirá con forza e unha intencionalidade política clara.

Debullando alternativas

En moitos lugares do mundo hai persoas que desexan mellorar a vida da xente a través do teatro, tomando unha vía experimental e transdisciplinaria que se apoia na antropoloxía, na filosofía ou na historia para fundamentar os seus procesos creativos. O teatro documental ofrece estratexias alternativas fronte á historia oficial e o discurso dos medios hexemónicos que interpretan indefectibelmente un relato de lexitimación do poder establecido.


O teatro documento no Dicionario do CCG

Notas sobre o teatro documental (Peter Weiss, 1968)

Texto de Anxo Abuín sobre o teatro ‘verbatim

El Teatro Documento. Una Alternativa Para Denunciar La Violencia (Tese de R. A. Valent Rodriguez Herrera)