//We Are The Lab: nós facemos o Medialab
We Are The Lab

We Are The Lab: nós facemos o Medialab

Manifesto de apoio ao Medialab Prado


Nós facemos o Medialab

Desde o seu comezo, hai máis dunha década, son moitas as persoas e os grupos que participan activamente nas atividades do Medialab Prado (MLP). O MLP é un espazo público de innovación cultural, social e cidadá que depende da Área de Cultura do Ayuntamiento de Madrid. É un centro cultural atípico e innovador, cunha historia que facilita a experimentación e a participación en coherencia total coa súa posición de institución pública aberta aos cidadáns.

Os seus programas e actividades teñen promovido e promoven a colaboración con toda caste de axentes: o barrio, a sociedade civil, as empresas, os centros de investigación e as universidades, entre outras institucións. Todos eses axentes forman unha grande comunidade que se envolve no centro dun xeito ocasional ou continuado, facendo del un local onde acodemos moitas persoas para propoñer ideas, desenvolver proxectos colectivamente e convivir.

Isto todo fai do MLP un centro precursor, cun significativo recoñecemento internacional, grazas ao seu compromiso coa cultura libre, o uso social das tecnoloxías, as prácticas colaborativas, o traballo coas comunidades e a innovación cidadá.

A saída de Marcos García da dirección do centro e a falta de comunicación sobre as consecuencias que esta saída pode ter na continuidade do proxecto, xerou unha profunda preocupación en toda aquela comunidade. Tememos que estea en xogo o futuro dun proxecto tan coidadosamente construído como o do MLP. É por iso que, antes de que ocorran outros acontecementos que poidan afectar o centro dun xeito estrutural, pedimos ao Ayuntamiento de Madrid

> que comunique publicamente e con transparencia os seus planos sobre o futuro imediato do MLP, comezando polo procedemento administrativo de nomeamento dunha nova dirección e o destino da súa actual sede, obedecendo aos criterios de boas prácticas fixados polo propio Concello;

> que o proxecto do MLP teña continuidade e se manteñan as liñas de traballo e os valores da innovación cultural e da participación cidadá que, até agora, teñen mostrado bos resultados, e que xa foran replicados, adaptados e recoñecidos por outras institucións en todo o mundo;

> que o momento actual de mudanza sexa utilizado para abrir un proceso de diálogo coa comunidade MLP, procurando a súa implicación no futuro da institución.

Se ti tamén te sentes parte da comunidade MLP e concordas coa defensa deste espazo público, apóiao asinando este manifesto.

#SaveTheLab #WeAreTheLab

http://wearethelab.org